XENTE DE CAMBADOS

Ramón Botana

No hemisferio norte dunha face atrapada nun fotograma distorsionado, fitan uns ollos escuros escondidos tras o parasol dun vidro afumegado.A mirada sempre é un bo interlocutor e malia permanecer case agochada, fala e conta máis alá das lúas de cristal.Completando a xeografía das latitudes máis altas deste rostro, medran as serpenteantes enrugas dunha fronte senil.Todo xorde e flúe envolto nunha prosa orgánica e silenciosa.
O planisferio de expresións e rasgos é atravesado por un meridiano nasal.Un nariz de corte aristocrático e señorial que vai desembocar nun mar branco e belludo.A barba bicolor  rega as parcelas máis austrais da faciana protagonista.As hebras de color gris plata enrédanse ao son duns versos dunha lírica desenfadada e errática.
Semella que xa non queda nada máis que dicir sobre esta estampa, pero falta se cadra o máis importante, o que diferencia un simple retrato dunha imaxe autónoma,cunha vida e unha historia propia.Falta falar da psique.
Pois comecemos entón a comentar que hai detrás dese sorriso tímido e feble.Obviemos o visible e superficial e xoguemos ás adiviñanzas.Xoguemos a adiviñar o talante xeneroso e dadivoso deste home, descubramos o seu carácter afable e entrañable.A educación e cortesía escritas con letras dun lume etéreo, e sintentizada nunha das súas frases: "Perdón si molesto".

Apariz Chaves

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Non hai partido de fútbol intrascendente,nin rival pequeno,nin xornada tediosa ós ollos de Moncho.Dende o seu asento ,todo atisbo de fútbol é ben recibido independentemente das bandeiras ou os nomes impresos nas camisolas dos xogadores.Disfruta sen condicións e sen aranceis do simple desprazamento do coiro sobre o céspede;herba verde que lonxe de parecer menos lustrosa ao ser pisada,acada o seu senso máis completo coa presión dos tacos na súa superficie.

Este home de mirar cálido e semblante distante,goréntase e bebe directamente do debuxo do esférico no ar,da coreografía realizada polos corpos sudorosos e incansables dos xogadores,da poesía que trazan uns pés que non son dos seus donos senón de Deus.

Outro dos trazos que conforma o seu retrato é o inesgotable optimismo do que fai gala nos momentos de maior desencanto e escepticismo.Non existe marcador insalvable,gol imposible e moito menos victoria irrealizable.

Dende o seu silencio,a confianza e ilusión case infantil que se proxecta máis alá do tempo e a distancia,sopra nas calugas dos futbolistas.

Aínda que parco en palabras,os seus comentarios presumen dunha gran agudeza mental.Sempre ten un ramallo de verbas mordaces preparadas para ser expulsadas no momento preciso.

Así é Moncho,un amigo entrañable que acumula nas súas retinas milleiros de horas de fútbol,tanto fronte a pantalla coma a pé de campo.

Apariz Chaves